Que non manifesta medo ante un perigo ou algo que poida asustar.
Etimoloxía
Vocábulo culto procedente do latín impavĭdus de significado semellante.
Exemplos *
“...tomou a resolución máis cabal de aturar a ventada estoicamente, pondo a capa como vén o vento, e saír garboso do transo polo ben da súa reputación de home impávido e asisado.” (L.C. Carballal: Historias non irreais, 2001)
“Detívose de novo e fitou a súa face inexpresiva, impávida e fría, por completo indiferente a el e a todo o que os rodeaba. (...) E iso foi o que o asustou.” (Carlos G. Reigosa: A lei das ánimas. A novela da santa compaña, 201o)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.