Movemento artístico, fundamentalmente pictórico, xurdido en Francia a finais do século XIX, que se caracteriza polo gusto pola paisaxe e os temas cotiáns e que intenta poñer de manifesto o aspecto cambiante e fuxidío das cousas
Etimoloxía
Préstamo do francés impressionisme co mesmo significado.
Exemplos *
“Empire remítenos igualmente ao Mont Sainte-Victoire de Paul Cézanne e máis concretamente ao impresionismo da serie que Monet pintou sobre a catedral de Rouen.” (Alberte Pagán: A mirada impasíbel. As películas de Andy Warhol. (Primeira parte), 2007)
“Alain Roger referiuse ao impresionismo como o canto do cisne da pintura de paisaxes, que comeza a declinar apenas unhas décadas despois do seu recoñecemento como xénero maior.” (María López Sande: Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio, 2008)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.