ioió

Xoguete constituído por dous discos unidos por un eixe no que se envolve un cordón polo que sobe e baixa o aparello, grazas a distintos movementos

Etimoloxía

Denominación froito da adaptación da marca rexistrada inglesa Yo-yo, que se tomou do tagalo onde se empregaba o xoguete e significaba ‘vén-vén’.

Exemplos *

“Nenos que xogan, que agora, cando che falo, están a xogar moi lonxe, anos luz lonxe da Alameda, do parque do Aeroclub, dos nenos con patíns e hula-hoop, fillos de ex-nenos con ioió e triciclo, netos de ex-nenísimos con diábolo e patineta.” (Xosé Luís Méndez Ferrín: Antón e os inocentes, 1986)

“Segundo se pode observar nalgunhas cerámicas conservadas no Steatsliche Museum de Berlín, nas que se representa un neno xogando cun ioió, certifica que este xoguete era coñecido en Grecia sobre ano 500 a. C.” (Xosé López González e Xosé Manuel García: ‘Picaraxadas’ en Noticieirogalego.com, [visto 11-1-2022])

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.