kiwi

Froito comestible do kiwi, de forma ovoide, coa pel de cor marrón cuberta de peluxe, carne de cor verde con pebidas negras moi pequenas e sabor agridoce.

Etimoloxía

Adaptación do inglés kiwifruit que, á súa vez, bebía do maorí e da designación dun paxaro autóctono.

Exemplos *

“Non sabía se fora polos tratamentos médicos aos que a someteran ou cousa da vellez. Quedábanlle lembranzas soas, inconexas, que cabían na cabeza dun alfinete e cada día comendo kiwis e froitas conquistaba o pracer dos sabores, descubría a fermosura gratuíta da terra naquela froita mineral de verdes diamantinos.” (Paco Carro: Tempo ordinario (Historias de Compostela)/ A señora do chalé, 2014)

“No sur da provincia de Pontevedra, cando xa o pai Miño está perto do mar, hai unha terra de fronteira partillada co veciño Portugal. É unha terra de viñedos, de kiwis, de ameixas amarelas e sobre todo de lampreas.” (Natalia Jorge: Sermos Galiza, 31-08-2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.