labaza

(Rumex pulcher) Planta herbácea da familia das poligonáceas, de talo xeralmente deitado que pode chegar a sesenta centímetros, follas aveludadas anchas e grandes e raíz grosa, que inza moito e é mala de erradicar.

Etimoloxía

A súa orixe remítenos ao nome latino, lapathium –ii, tomado do grego.

Exemplos *

“Ficara de cor verde, dun verde feo como de labaza, e medraba só ao ancho. Chegou un momento en que andaba ao xeito dun parrulo.” (Manuel Rivas: O lapis do carpinteiro)

“Desde a ventá da miña casa vin unha vella por maio esparexendo o gran. Vina limpando a leira de herbas, de grama e de labazas.” (Anxo Quintela: O asasino estrábico)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.