lagaña

Materia que se forma nos bordos e nas comisuras das pálpebras, especialmente durante o sono, como consecuencia da secreción de certas glándulas

Etimoloxía

Palabra de orixe incerta común ao catalán, castelán e o portugués do norte.

Exemplos *

“Un día acordo, frego os ollos, retiro as lagañas. Diante miña, a través dunha xanela, enxergo unha enorme montaña, un vehículo vermello, un home que seica é o meu pai.” (Ricardo C. Mora: A cidade dos anxos, 2011)

“Balbina, con lagañas de medo esculpidas nos lacrimais, viu aterecida como o Xan enfiaba camiño da Pena Moura de fóra. Había trinta e dous anos que non ía aló e xurara non volver nunca.” (Rosa Aneiros: Corazóns amolecidos en salitre, 2002)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.