Árbore da familia das salicáceas (Populus nigra) duns trinta metros de altura, casca rugosa e copa baixa, máis ou menos ovoide, de madeira branca, lixeira e de pouca calidade // Madeira desta árbore
Etimoloxía
Crese que é unha forma creada *lamicariu que se relacionaría coa palabra prerromana lama ‘lama’.
Exemplos *
“Aínda medra unha luz branca, esvaecida forza que atravesa os pavillóns esparexendo o seu son por entre os brancos lamigueiros.” (Manuel Forcadela: O varredor en outono, 1988)
“Contemplo un ceo tenro / coma unha finísima lá azul. / O río está tan quedo / que semella sólido, / e debaixo diste bloque / coma dun almibre cristalino / as pedras brillan / e fanme ditoso. / Os lamigueiros, tan tremelantes sempre, / adormentáronse / dentro da tarde. / É domingo...” (Luís Pimentel: Sombra do aire na herba, 1959)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.