Peixe da familia dos petromizóntidos (Petromyzon marinus) que vive parte da súa vida no mar e parte no río, de corpo angüiliforme e sen escamas, cabeza curta, ollos pequenos seguidos de sete pares de buratos branquiais e boca circular sen mandíbulas en forma de ventosa.
Etimoloxía
O nome provén de lampreda 'lamprea' e este da influencia de lambere 'lamber' sobre naupreda 'animal acuático'.
Exemplos *
"A miña nai intentou preparar lamprea unha vez, pero non foi capaz de tirarlle o fel, e sabía a raios _dixo estremecéndose_." (Marilar Aleixandre: Lobos nas illas)
"Ninguén máis asiduo da festa da Lamprea, da do Cocido e da do Lacón con Grelos, ninguén mellor degustador da Filloa e do Queixo de Arzúa, do Capón de Vilalba e do Licor Café de Allariz." (Alfredo Conde: Sempre me matan)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.