lanceta

Instrumento de cirurxía formado por unha folla de aceiro que corta por ambos os lados, rematada nunha punta moi aguda, que se emprega para facer pequenas incisións.

Etimoloxía

Procede do francés lancette 'lanza pequena' que é o diminutivo de lance que viña do latín lancea, –ae 'lanza'.

Exemplos *

"Nin sequera se deixou operar cando os médicos lle prognosticaron unha morte próxima en caso de que renegase da lanceta." (Xavier Lama: Os moradores da nada)

"Non podía tirar da cabeza o corpo nu da muller na mesa de disección, o renxer da lanceta contra a pel, as tenaces crebando os ósos para expoñer o interior do cadáver." (Marilar Aleixandre: Airadas de palabras)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.