Alga laminar da clase das clorofíceas de cor verde escura, que medra adherida ás superficies das rochas e pedras
Etimoloxía
Palabra composta mediante o verbo “lavar” procedente do latín lavare e o substantivo “can” que nos chega do equivalente latino canis. A nomenclatura científica que agocha o termo coloquial é Ulva rigida.
Exemplos *
“Así como en terra as peras, o cereal, as patacas, as mazás ou as cereixas danse segundo os anos, no mar pasa o mesmo coas algas: uns anos abonda a xebra verde e non nace o lavacán; e noutros, ó revés.” (Xesús Ferro Ruibal: “Léxico mariñeiro de cedeira: memoria e esperanza,de xavier rodríguez vergara” [recensión], en Boletín da RAG, número 375, 2015)
“Lavacán. Alga verde da beira do mar que queda descuberta na marea baixa. Usouse a modo de ensalada de forma intuitiva, descoñecendo o seu alto contido en vitamina C que evitaba o escorbuto nos mariñeiros.” (Fausto Galdo: Abecedario das mantenzas, 2012)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.