lavandeira

(Foto: Andreas Trepte, 2008. Wikipedia)
(Foto: Sannse, 2004. Wikipedia)

Paxaro da familia dos motacílidos, do que existen diversas especies, de cor gris ou verdosa polo lombo e branca ou amarela polo ventre, cunha cola longa que abanea con elegancia ao andar, voo lixeiramente ondulado e que vive en lugares húmidos.

Etimoloxía

Deriva do verbo lavar, lavare no latín.

Exemplos *

“A avoa Teresa dirixe atenta a miña lectura de francés no acougo da tarde, nun libriño ilustrado con sinxelos deseños de campos sementados e unha lavandeira a peteirar nos sucos.” (Miguel A. Mato Fondo: Sermos Galiza 19-10-2012)

“Veño de cruzarme cunha lavandeira, desde neno gusto deste paxaro nervioso e de cu inquedo …” (Xosé Luís Martínez Pereiro: A verdade como mal menor)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.