laverca

Paxaro da familia dos aláudidos, de cor parda con pencas escuras nas partes superiores, peito de cor crema raiado de pardo, ventre branco, cunha pequena crista, e de canto longo e melodioso que emite durante o seu voo, que é baixo e irregular

Etimoloxía

Palabra que procede do xermánico laiwerko.

Exemplos *

“...en cada cotarelo resplandece opaco o ceo estrelado pola noitébrega e á mañanciña, mentres a laverca sae buscar as primeiras raiolas do sol, as fragas lueiras do val emerxen con incontables verdes en silenciosa alborada.” (Ramón López Vázquez: Domingo García-Sabell e a fenomenoloxía, 2013)

“Devecía polo pracer de pairar como unha laverca no abrente sobre as pardas sementeiras.” (Xoán Fuentes Castro: O pescador de cana, 2006)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.