leriante

Que é amigo de gastar bromas e inventar cousas, para divertirse ou rirse da xente // Que fala moito e de cousas sen importancia

Etimoloxía

Palabra derivada do verbo “leriar” que se forma sobre “leria” que nos leva ao termo “lelo”, unha creación de carácter expresivo.

Exemplos *

“Cándido era alto e forte , ben proporcionado. Na soidade era cismático; nas tertulias, leriante e chistoso. Por veces argallaba con solemne seriedade.” (Silvio Santiago: O silencio redimido. Historia dun home que pode ser outro, 1976)

“A última vez que o vin foi en maio deste ano, na cea dos Premios da Crítica Galega, en Samil. Entre tanta xente, apenas falei con el. Vino ledo e leriante, indo de grupo en grupo, falando con todos.” (Carlos Casares: La Voz de Galicia, 23-9-1979)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.