Corrente de auga que discorre por un leito artificial de pequenas dimensións, utilizada para regar, impulsar o mecanismo do muíño etc.
Etimoloxía
Termo derivado do verbo “levar” que bebe do equivalente latino levare ‘aumentar’, ‘quitar’ ou ‘aliviar’.
Exemplos *
“Naquel fresco lugar encantador ao pé dun río beireado de ameneiros, os muíños, uns muíños vellos de regato con levada e maiormente dous reducios –ti que saberás, Francesc– muíños que tiñan toda a traza de teren sido vivenda e que agora estaban reconvertidos en tascas.” (Anxo Angueira: Bágoas de facer illas, 1997)
“As terras montañosas do concello da Caniza estratificadas en diferentes niveis de altitude atópanse encadradas na bisbarra do Paradanta, bañada polo ríos Deva, Ribadil e Umia. É esta unha zona con tradición en levadas ou presas de regadío como a do Gorgullón.” (Mariano García e Fina Casalderrey: Festas gastronómicas de Galicia. Festas, receitas, calendario e puntos de interese turístico, 1994)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.