lila

Arbusto ornamental da familia das oleáceas (Syringa vulgaris), de follas cordiformes opostas, flores moi olorosas de cor branca ou entre azul e rosa agrupados en forma de acio e froito capsular.

Etimoloxía

Nome que chega do francés lilas co mesmo significado, e este parece que se remonta ao persa lilak 'azulado'.

Exemplos *

"Don Xoán ha de asasinar ó vello e autoritario Comendatore, no labirinto de corredores empedrados do xardín, impregnado do arrecendo das lilas, campánulas e roseiras." (Laura Caveiro: As naos afondando)

"Para evitar que lle saísen os fígados e se puxese como as lilas, seguiulle a dar a  chupeta con azucre e viño branco" (Beatriz Dacosta Molanes: Cascas de noz)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.