Árbore da familia das rutáceas, de follas alongadas alternas e flores brancas na parte interna e rosadas na externa, que dá como froito o limón
Etimoloxía
Denominación formada sobre “limón” cuxa orixe está no árabe hispánico la[y]mún de significado semellante.
Exemplos *
“Limoeiros e laranxos / que o verde musgo sombrean / i olido esparcen de azare / con que a xente se recrea.” (Rosalía de Castro: Follas Novas, 1880)
“Nun recanto do patio, o limoeiro permanecía inmóbil baixo os tronos da repentina tormenta de verán. Non chovía aínda, pero contra o oeste, sobre a ría, o ceo verdeara e unha espesa nube gris ameazaba con tragar o cume do outeiro.” (Anxos Sumai: A lúa da colleita, 2013)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


