lirio

Planta herbácea da familia das iridáceas, da que existen diversas especies con variedades cultivadas e silvestres, de hábitats húmidos, con follas longas en forma de espada nacidas desde o pé, e belas flores en acio terminal que poden ser brancas, violetas, azuis etc.

Etimoloxía

Procede do latín lilium, –i co mesmo significado que viña do grego leirion 'branco', 'puro'.

Exemplos *

"Teñen acaso tumbas secretas, escondidas lápidas con resío e lirios cortados." (Carmen Pereiras: Pequenos infinitos)

"E non saben que atravesa a lagoa coas pontellas entre os lirios e que despois estás." (David Pérez Iglesias: Estación Término)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.