lontra

Mamífero da familia dos mustélidos de pelo mesto e escuro, abrancazado na zona da garganta, cos dedos unidos por membranas, que vive na beira dos ríos

Etimoloxía

Denominación que nos chega desde o latín vulgar *luntram, que bebe no clásico lutra de significado semellante.

Exemplos *

“–Disque desde Ourense vén moita miseria nas augas por culpa dos sumidoiros e matadoiros.

–A cousa non vai ben, non vai ben. E a proba é que case xa non se ven lontras...” (Bernardino Graña: Curros Enríquez e os gansos, 2011)

“Os meigos, pacientemente, fóronlle aprendendo a distinguir as ras e os sapos, as cobras e as víboras, a lontra e o teixo, o carballo e o castiro, o escornabois e a patarresa. Fóronlle dicindo os segredos dos números e das palabras, e soubo por iso que podía falarlles ós paxaros e ós lagartos, ás árbores e ás pedras, ós homes e ós trasnos.” (Xosé Miranda: Infancia e desventura de Lino Carrán, 2000)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.