lorcho

Peixe da familia dos blénidos, de tamaño pequeno, corpo cilíndrico ou lixeiramente comprimido, cabeza e ollos grandes e dúas aletas dorsais, do que existen varias especies

Etimoloxía

Termo que se asigna a distintas variedades de peixes que remiten a un étimo relacionado co francés loche, palabra de orixe incerta.

Exemplos *

“O problema estivo en deixar de ir todas as mañás botar as nasas e tomar a mañá cos outros, volver á tarde para levantalas, vender na lonxa a ducia de nécoras que pillaba, que ás veces nin iso, dúas maragotas, uns lorchos, algunha xarda, e para de contar...” (Manuel Portas: Un dedo manchado de tinta, 2011)

“A produción básica é de peixes planos _linguado, solla, rapante, mendo, acedía_ e peixes de rocha _choupas, chaparelas, sargos, pargos_ e mesmo algúns peixes antes desmerecentes de toda atención como lorchos, vellos e maragotas, que atoparon o gusto da xente para a preparación de sopas.” (Xavier Queipo: Luzes, 5-2014)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.