loureiro

Árbore da familia das lauráceas (Laurus nobilis) de follas perennes, ovadas e duras, moi empregadas como condimento, e froito en baga.

Etimoloxía

A súa orixe está no latín laurus, -i, que nos puido chegar a través do occitano laurier.

Exemplos *

"A corredoira abríase fonda e sombriza entre a frondosidade dos loureiros." (Fermín Vilaboa Lemos: Mar e seitura)

"… entraban nunha festa, loureiro nos balcóns e no peitoril das ventás, bandeiras na Ponte Vella, nas rúas, nos campanarios, nos mastros das embarcacións atracadas nos peiraos, a alegría aturuxando nas gorxas e nos ollos dos homes …" (Víctor Fernández Freixanes: O triángulo inscrito na circunferencia)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.