lumieira

Peza horizontal, xeralmente de pedra ou madeira, que limita pola parte superior o oco dunha porta ou ventá.

Etimoloxía

Vén do latín luminaria –ium ‘luz’.

Exemplos *

“... na lumieira da xanela, feita cunha grande pedra de granito, había un pequeno perpiaño, do tamaño dun dos seus libros de clase, que presentaba un relevo no seu centro.” (Antón Cortizas: Leonel)

“Atrás do espello, cos ollos abertos que non ven e as dúas mans acariñando a orella esquerda na que aínda escintilan as pedras do pendente cando a vou visitar á tardiña e o sol entra de esguello pola lumieira...” (Paco Martín: Tres historias para ler á noite)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.