Primate da familia dos cercopitécidos do que existen diversas especies, na súa maioría orixinarias da India e de Malaisia, todas de pequena estatura, que teñen como similitudes máis comúns o tamaño parello das extremidades anteriores e posteriores, a cola colgante non prénsil e as calosidades nas nádegas
Etimoloxía
Palabra de orixe portuguesa que se cre que bebe no bantú.
Exemplos *
“Podemos seguir apáticos e derrotados, non querendo ouvir, nin ver, nin falar, como eses famosos macacos da historia, mais tamén podemos tomar unha decisión activa, informarnos (observar que non é ver, escoitar que non é ouvir) e tomar a palabra do xeito que sexa máis doado, consumindo de xeito responsábel.” (Xavier Queipo: Sermos Galiza, 2-10-2014)
“Reporteiro universal, navega polo mare congelatum; viaxa a unha Persia fantástica de cidades encarnadas; visita Guiné frondosa, con ríos claros, macacos castaños e paxaros brancos; empurrado por catro eolos de meixelas inchadas, diríxese ao mundus novus brasileiro.” (Bieito Iglesias: Pan e coitelo. Novela moi moral, 2008)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


