Pequena árbore de xardín (Magnolia denudata), de follas caducas moi brillantes e de grandes flores brancas e rosadas que aparecen antes cas as follas.
Etimoloxía
Xorde no latín moderno magnolia, neoloxismo de Linneo como homenaxe ao botánico francés Pierre Magnol.
Exemplos *
"Preso dun enervamento que non atinaba a explicar senteime no banco de pedra que rodeaba unha das magnolias." (Xosé Manuel Martínez Oca: Náufragos en terra)
"Un silencio vexetal, inmóbil, de magnolias en flor, con aromas que o vento levantara." (Manuel Lourenzo: As horas baixas)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.