maia

Castaña seca e pelada

Etimoloxía

A palabra garda relación con “maio” e esta procede da denominación latina maius ‘o quinto mes do ano, que se dedica a Vulcano e a súa muller é a deusa Maia.

Exemplos *

“Se vés a tempo para o magosto ¡aínda che gustaba a ti iso de escoitar o estoupido das castañas nas brasas, e o viño novo , e mais os chourizos de Luxás ! ... Si , home , si , se vés pouco despois gárdoche unha presiña delas maias para facerche un caldiño doce con elas....” (Rosa Aneiros: Corazóns amolecidos en salitre, 2002)

“Para conservar as castañas afúmanse durante un mes no sequeiro, son as maias ou maiolas: castañas secas ou garulas que chegaban a maio.” (Fausto Galdo: Abecedario das mantenzas, 2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.