malfadado, -a

Persoa que non ten boa sorte ou fortuna / Cousa que está dominado pola mala sorte/ Cousa que comporta ou causa desgraza

Etimoloxía

Vocábulo que se forma co adverbio mal e fadado, participio do verbo fadar e este deriva do substantivo fado 'forza sobrenatural'.

Exemplos *

“Nobre Ulises dicides, señora? Malfadado Ulises, fariades mellor en dicir, pois aínda que é certo que contribuín grandemente á vitoria arxiva sobre Troia, non o é menos que causei a destrución dos meus homes.” (Begoña Caamaño: Circe ou o pracer do azul, 2009)

“Mais non me pidas que agarde aquí, impávida, mentres este canalla verte as súas mentiras pezoñentas sobre min e sobre criatura que o malfadado Garlois me deixou como derradeiro agasallo e único consolo.” (Begoña Caamaño: Morgana en Esmelle, 2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.