Planta herbácea da familia das malváceas, con talo ergueito, follas aveludadas e flores de cor rosa pálida, que medra en terreos húmidos
Etimoloxía
Voz que chega desde o termo latino malva 'malva' e hibiscum 'hibisco'. O nome científico é Althaea officinalis.
Exemplos *
“E alí, na beira, quedou aloumiñando o recendo a malvarisco da súa ausencia breve, a borraxe que danzaba nos seus labios tantas veces soñados, a papoula adurmiñada entre os dedos áxiles e pequenos, o couselo fresco instalado xa para sempre no perpiaño eterno do destino.” (Xosé Carlos Caneiro: Ébora, 2000)
“Foi á Fábrica do Chocolate na estreita de San Andrés e volveu cunhas onzas marca Pereiro e cascarilla de cacao para infusións. Así que foi el quen lle levantou a espiñela a Milagres. Como foi el quen preparou a noite do parto os cocementos de ruda e malvarisco.” (Manuel Rivas: Os libros arden mal, 2006)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.