Primate da familia dos cercopitécidos duns oitenta centímetros de alto, sen rabo, que ten o fociño alongado e groso de cor encarnada con raias azuis e vive nas costas occidentais de África.
Etimoloxía
Voz que se adapta do inglés mandrill que é a amálgama de man e drill ‘babuíno semellante a un home’, designación que se lle deu ao primate cando foi descuberto.
Exemplos *
“Este posible tratamento da Sida segue levantando polémica pola súa posible repercusión na poboación de mandrís e polos riscos de inocular enfermidades propias de animais na raza humana” (Redacción: O Correo Galego, 10-2-1996)
“Pero eu agrúpome co bando que me ofrece seguridade e gratificación orgánica e maldigo daqueles que, simplemente, non se unen a nosoutros. Fóra da manda non hai supervivencia para o mandril nas soidades da sabana.” (Xosé Luís Méndez Ferrín: Dosinda Areses. Prosas completas, 1998)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.