mangón

Molusco bivalvo da orde dos venéridos que pode chegar aos quince centímetros de longo, de cor amarelada ou agrisada, que vive en cavidades profundas que escaravella nas rocas e madeiras somerxidas // Anélido da clase dos poliquetos, de cor avermellada escura, que habita nos areais e esteiros, onde escava galerías para alimentarse dos nutrientes do solo mariño

Etimoloxía

Denominación que nos leva á voz “mango” que procede do latín vulgar manicum, derivado, á súa vez, de manus ‘man’. O nome científico é Pholas dactylus, cando falamos dun molusco e Arenicola marina, se trata dun verme.

Exemplos *

“Non obstante, pescando coa cana desde os cantís da costa con carnada de camarón, con femias de patexo vivo ou ben con mangón, pódense coller boas pezas, porque a boa carnada fainas mover porque lles ole desde lonxe.” (Xavier Rodríguez Vergara: Redes e peixes. Saberes dun mariñeiro, 2008)

“O mangón ou Folada (...) Ten unha cuncha fráxil , inchada , basicamente equivalva , pero cunha serie de prolongacións na zona do umbo que a fan inequivalva.” (Rosa Ramonell: Guía dos mariscos de Galicia, 1985)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.