marabú

Ave da familia dos cicónidos propia de África, de corpo branco na parte inferior e agrisado na superior, e o peteiro moi longo e groso

Etimoloxía

Vocábulo que procede da adaptación da palabra do francés marabout, que, á súa vez, procedía dun dialecto árabe marabūṭ ‘monxe’.

Exemplos *

“Tamén é a terra do león, ou dos fatos de antílopes, dos gamos vermellos e das gacelas, tan elegantes e rápidas que só o guepardo as pode adiantar. Millóns de paxaros reúnense nos ríos que cruzan a sabana, coas súas augas brillando á luz do sol. Hai pelicanos, cegoñas, marabús, garzas reais, corvos mariños, ibis, grúas e moitos outros.” (Miguel Seoane García: O Correo Galego, 12-11-2000)

“Alguén lle contou a este cronista que alí foi onde se presentou por primeira vez o coñecido número dos abanos de longas plumas de marabú.” (Sabino Torres: Os tres cronistas, 2008)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.