marea negra

Efecto producido pola vertedura de produtos petrolíferos que proceden dun naufraxio, accidente etc.

Etimoloxía

Locución formada por “marea” que bebe do francés marée de significado semellante e o adxectivo “negra” que remite ao equivalente latino niger, nigra, nigrum ‘sombrío’ ou ‘escuro’, mesmo ‘infausto’.

Exemplos *

“A marea negra contaminou os leitos de area arredor das illas, nos que os corvos adoitaban alimentarse de bolo, un peixe moi nutritivo que vive enterrado na area e que daquela era moi abundante. Agora os corvos mariños de Cíes xa non teñen bolo que comer, o que provoca que non se dean reproducido ben, xa que os alimentos alternativos son menos nutritivos e atópanse lonxe das colonias." (Manuel Rey: GCiencia. O portal da ciencia galega, 11-2018)

“Estes días, os galegos e galegas sentímonos abafados pola marea negra derivada da catástrofe do Prestige, o barco que, coma un símbolo, garda aínda no seu ventre a carga suficiente para facer que o desastre continúe estendéndose durante anos e anos por toda a beiramar.” (Agustín Fernández Paz: O rastro que deixamos, 2012)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.