mariola

Xogo infantil que consiste en andar á pata coxa empuxando ao mesmo tempo co pé o peletre, seguindo certas regras, a través dun percorrido establecido formado por un conxunto de casas numeradas, pintadas ou raiadas no chan.

Etimoloxía

Apúntase como probable orixe desta voz o antropónimo María.

Exemplos *

“Fomos pasando entre nenos que corrían e xogaban á mariola e á billarda, os regos de inmundicia no centro das rúas, charcos cheos do pole dos piñeiros, cans de todas as razas.” (Xosé Miranda: Morning Star)

“Ben lle puideron vi-las ganas de baila-la muiñeira, digo eu, ou de xogar á mariola, que sería máis doada de compracer e de menos embarazosas consecuencias.” (J. Daniel Buján Núñez: A pirata Penamoura)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.