marmota

Mamífero da orde dos roedores, propio da alta montaña europea, de cor gris parda e de ata cincuenta centímetros, que pasa o inverno en letargo e do que existen diversas especies.

Etimoloxía

Chegounos desde o francés, onde a denominación marmotte parece ser o resultado de que se cruzase a forma mormont (do latín mus montis 'rato do monte') co verbo marmotter 'murmurar'.

Exemplos *

"Actualmente crese que o anfitrión orixinal da bacteria da peste era a especie de marmota que vive en Asia Central e que o comercio das súas apreciadas peles serviu para a difusión da enfermidade en Europa …" (Xerardo Neira: O Correo Galego 27-05-2002)

"Esta noite quero durmir coma unha marmota." (Isidro Novo: Por unha presa de machacantes)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.