Pequeno mamífero carniceiro da familia dos mustélidos, de pelo castaño cunha mancha amarela tirando a branca no peito, que se distingue da garduña por ter as plantas dos pés cubertas de pelo e a mancha do peito enteira
Etimoloxía
Préstamo do francés marte con significado semellante e este do xermánico *marthor.
Exemplos *
“Os hunugaros son coñecidos polas fermosas peles de marta que suministran no comercio.” (Mª Xosé Queizán: Amantia, 1984)
“Outros camiños doutros seres cruzaban a pista: Pisadas de raposo, de marta, plumas de cochosa, camisas de cobra. Nos matos e silveiras saltaban os bechos ocultos, un barullo apresurado cubría os felgos e brincaba nas copas das árbores.” (Xosé Miranda: Historia dun paraugas azul, 1991)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.


