Ave da familia dos alcedínidos, duns quince centímetros, cabeza grosa, peteiro longo e forte, rabo curto, plumaxe de cor azul nas partes superiores, verde brillante a ambos os lados do pescozo, gorxa branca e partes inferiores rubias
Etimoloxía
A locución é produto da unión do nome “martiño” e o adxectivo “peixeiro”, derivado de “peixe” que vén do latín pisce de significado semellante. Por outra banda, a denominación científica é Alcedo attis.
Exemplos *
“Contarei aventuras / dun martiño peixeiro / que voaba polo monte / entre o vento mareiro.” (María Canosa: Vagalume de versos, 2014)
“Un martiño peixeiro pasou voando a enfesta costa do nordés, unha alca, pescaba indiferente á nosa presenza e catro alavancos saíron axiña da pequena enseada do Tenlo.” (Estanislao Fernández de la Cigoña: Illas de Galicia: Cíes, Ons, Sálvora, Tambo, San Simón e Cortegada, 1991)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.