maxistrado, -a

Persoa que desempeña un cargo público importante, especialmente político / Funcionario que ten por misión administrar xustiza ou requirir, en nome do estado, a aplicación da lei

Etimoloxía

Palabra semiculta que chega desde o latín magistratus, -a, -um ‘dignidade de maxistrado’.

Exemplos *

“A propia maxistrada, achacando aquel estado ó receo que infunden as autoridades de xustiza nalgunhas persoas, colleu o libro ela mesma e mirouno de vagar. Só cando llo devolveu, tras efectua-la comprobación, Leonor recobrou novamente o sosego e, ó dispoñerse a sacar máis documentos, díxolle a xuíz: "Abonda, abonda.".” (Pepe Carballude: ¡Maldito D.N.I.!, 1998)

“Aproveito a entrada na sala dun fulano cunha presa de chaves, e en imaxinándoo un oficial entrégolle o paquete cos libros. "Para o señor maxistrado, cando poida, é urxente, non podo agardar". E saio de alí.” (Xabier López López: Os libros prestados, 2010)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.