mazarelo

Instrumento que consiste nun pau cunha peza redonda nun dos extremos, que se emprega para mazar o leite

Etimoloxía

Este é un vocábulo derivado sobre o verbo “mazar” que, á súa vez, nos leva a “maza” que vén da denominación do latín vulgar *mattea de significación análoga.

Exemplos *

“O leite nas casas labregas non sobraba nunca. O que quedaba dos becerros e non se vendía, bebíano os máis pequenos da familia; cando non, ía para a ola e a ama da casa, co mazarelo facía leite mazado, convertía a súa tona en manteiga.” (Luís Celeiro: La Región, 31-8-2016)

“Talvez o propio viño que entraba pola porta, ou o leite (os mazarelos ou mazarelas empregábanse para batelo), ou mesmo o peixe, como parece indicar unha gravación nunha das pedras da praza.” (Héctor Cajaraville: “Portas e poxigos da antiga muralla de Santiago” en Paseos literarios pola provincia da Coruña 2020, 2021) [documento pdf]

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.