memoria

Recordo colectivo que queda de algo ou de alguén / Facultade que permite reter na mente e facer presentes, mentalmente, cousas pasadas

Etimoloxía

Voz que bebe da latina memoriam que significaba ‘recordo’, ‘reminiscencia’, ‘unha das tres potencias da alma’.

Exemplos *

“NON quero entrar na memoria / sen antes ter desandado as rúas do presente / sen ter espido as entrañábeis fachadas da cortesía / onde aniñan en silencio vencellos que só saben partir.” (Luísa Villalta: Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004) [Armando Requeixo editor], 2023)

“Semellaba distraída nas súas lembranzas. Antes de se deitar. Como nun soño deixábase levar polo río da memoria.” (Miguel Mato Fondo: Adeus, capitán Walton, 2018)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.