mencía

Variedade de uva tinta de cor negra azulada moi doce que se utiliza para fabricar viños de Monterrei, de Valdeorras e da Ribeira Sacra. / Viño elaborado con esa uva.

Etimoloxía

Non se coñece a orixe desta voz.

Exemplos *

“Escavou un burato de tres metros e dispuxo, no fondal, un enxeñoso mecanismo de billa e roldana, de modo que, tirando da corda, se sobe unha caldeira de tinto mencía.” (Bieito Iglesias: A historia escríbese de noite)

“Comeu todo o que lle serviron: caldo de nabizas con pan centeo, cabrito asado con gornición, flan caseiro, filloas e viño mencía.” (Xabier Quiroga: Atuado na braña)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.