mergullón

Ave acuática de peteiro fino e colo longo, da que existen varias especies, que habita en lagos, lagoas e outras zonas anegadas con abundante vexetación, e que se alimenta de peixes e outros animais acuáticos que captura mergullándose repetidamente

Etimoloxía

Denominación que deriva de “mergullo”, ‘acción de mergullar’, que se remonta ao verbo latino mergere, ‘meter baixo a auga’.

Exemplos *

“A súa naturalización fai que teña especies vexetais e animais de moito interese, con aves invernantes pero tamén outras que están todo o ano e algunhas que chegan a criar na lagoa, como os mergullóns, os rascóns ou as anduriñas das barreiras.” (Adela Leiro, Xoán Colazo e Mon Daporta: Sermos Galiza, 2014)

“Os dous encoros situados no Parque son o hábitat de importantes poboacións de aves: mergullón pequeno, lavanco e tartaraña cincenta son algunhas delas.” (Victoria García: GCiencia. O portal da ciencia galega, 4-2015)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.