merlo rieiro

Paxaro da orde dos paseriformes de cor gris escura, agás a cabeza que é de cor marrón e o peito e a gorxa de cor branca, que vive na beira dos ríos, nos que se mergulla para buscar o alimento

Etimoloxía

A frase componse do termo “merlo” que vén do latín vulgar *merulum de significado parecido, e modificado polo adxectivo “rieiro” que dá idea de que vive no río. O nome científico é Cinclus cinclus.

Exemplos *

“Naqueles ríos que manteñen un caudal máis ou menos parello durante todo o ano destacan o merlo rieiro e tamén o picapeixe, de vistosas cores, que tan só se pode ollar en voo lizgairo a rentes da auga.” (Xosé Lois Ripalda: O país dos mil ríos. Cultura fluvial en Galicia, 2009)

“O merlo rieiro, como sucede co martiño peixeiro, é indicativo da pureza das augas dos ríos onde vive, xa que desaparece daqueles que van contaminados.” (Xosé Manuel Penas Patiño e Carlos Pedreira: Guía das aves de Galicia, 1980)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.