mexacán

Planta herbácea silvestre da familia das compostas, de follas basais con lobos triangulares e talo rexo e ergueito rematado nunha flor amarela parecida ás margaridas, que deita un látex branco ao cortala

Etimoloxía

O nome é unha amálgama do verbo “mexar” do latín meiare de significado semellante e o substantivo “can” procedente do latín canis.

Exemplos *

“Con caixas de cartón recubertas de retallos de tule e raso construïamos a escalinata, adobiada con papel de seda de cores e anacos de teas brillantes como recortes de forros de abrigos. O conxunto era embelecido con margaridas, mexacáns e outras flores cativas, non rosas nin tulipáns por suposto, apañadas nos xardíns públicos e colocadas en vasiños.” (Xabier Paz: As vidas de Nito, 2013)

“Estamos perdendo todo ese patrimonio lingüístico. Onte tiven unha actividade de laboratorio cos alumnos e leveilles mexacáns; para eles era unha margarida.” (Diana Mandiá [entrevista]: GCiencia. O portal da ciencia galega,11-2015)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.