microfilme

Película de tamaño moi reducido que contén imaxes que poden ser ampliadas en fotografía ou proxección.

Etimoloxía

Formouse pola combinación do elemento grego micro ‘pequeno’ e filme, tomado do inglés film ‘película’.

Exemplos *

“... habiamos de cumprir coa esixencia de entregarmos as fitas magnéticas nos centros de procesos de datos antes das 7 da mañá, o que faciamos acompañando soportes de papel e microfilmes.” (Xavier Alcalá: A galeguidade empresarial)

“Cando comprobou que deixaramos esquecidas drogas, microfilmes e armas na casa, estendeu o brazo cara á pequena maleta que Ana sostiña nas mans.” (Aníbal C. Malvar: Un home que xaceu aquí)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.