militancia

Pertenza activa a unha asociación, partido político etc. / Conxunto de militantes dunha asociación, partido político etc.

Etimoloxía

Termo derivado sobre “militar” que, á súa vez, vén do latín militare ‘ser soldado’.

Exemplos *

“En todos estes mesteres, obedecía aos principios marcados polo galeguismo daquel entón. Pero nos comezos de 1934 cesei na militancia do Partido Galeguista, para me incorporar -por decisión deste- ao movemento xuvenil que emprincipiaba a xurdir.” (Francisco Fernández del Riego: Ánxel Casal e o libro galego, 1983)

“Hai moitas mulleres que dan prioridade aos coidados dos seus fillos e fillas antes que á súa militancia, e cando se incorporan á vida política xa son moito máis maiores, son cuestións que dificultan dar pasos adiante.” (Susana Pedreira [entrevista]: Luzes, 11-2016)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.