millo

(Zea mays) Planta da familia das gramíneas orixinaria de América que pode chegar aos catro metros de altura, follas longas e lanceoladas e flores masculinas e femininas no mesmo pé, que produce unhas mazarocas de grans grosos de cor amarela.

Etimoloxía

Procede do latín vulgar millium, -ii, probablemente influenciado por mil, debido á cantidade de grans que tiña a espiga, aínda que este nun principio era o nome do paínzo.

Exemplos *

"Alá abaixo ficaba o grande mosteiro arrodeado de pastos e vides, leiras de millo e castiñeiros." (Víctor Fernández Freixanes: O triángulo inscrito na circunferencia)

"Señores, aquí acabouse o millo, o centeo, a avea. Aquí acabouse o cereal e aínda a pataca. Cómpre introducir cultivos novos, outras hortalizas." (Anxo Angueira: Iria)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.