mincha

Gasterópodo mariño da subclase dos prosobranquios, do que existen varias especies, de dimensións reducidas, coa cuncha enrolada en espiral e rematada nun ápice aguzado, de carne comestible, que vive sobre as penas da ribeira.

Etimoloxía

Propóñense distintos étimos para esta forma: o latín myiscus; a forma lo latín vulgar micula, derivado de mica ‘partícula pequena’; ou ben unha forma mitula, formada sobre mittula ‘mitra pequena’.

Exemplos *

"… o mestre mandouno ás minchas e díxolle que non sabía nada deso e que non lle importaba tampouco, e que se fixase máis na Torre de Hércules, que era o faro máis antigo do mundo …" (Darío Xohán Cabana: Vidas senlleiras)

"Ordoño morre a causa dunha enchente de minchas/caramuxos, que afecta tamén a Pete Gomorani, ainda que este, mais duro, sobrevive un ano." (Xoan Ignacio Taibo: Pacífico Sul

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.