mocear

Realizar accións propias de mozos, en particular as de namorar e cortexar unha moza.

Etimoloxía

Verbo creado sobre o termo mozo e este do latín mutilus, –a, –um 'sen cornos' que nos animais é indicativo de pouca idade.

Exemplos *

"Polo de pronto, quitou o carné de conducir e empezou a ir ás festas e a mocear, aínda que formal non lle falaba a ningunha." (Darío Xohán Cabana: Vidas senlleiras)

"Empecei a mocear polas festas, mesmo lle fixen as beiras a máis dunha rapaza." (Xosé Manuel Martínez Oca: Náufragos en terra)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida.