mono, -a

Mamífero da orde dos primates de cerebro moi desenvolvido, con catro extremidades que rematan en mans, e que descende de antepasados comúns aos da especie humana

Etimoloxía

Os estudosos aventuran que o termo vén do acurtamento da palabra do árabe maimona, que é o feminino de maimón ‘mico’.

Exemplos *

“Mentres subía as revoltas interminables das serras, non me saía do acordo a imaxe dun mono que viñera co circo e que lle ensinaba ao público as pousadeiras calvas de tanta nugalla como pillaba na gaiola, esperando sentado polas bananas.” (Bieito Iglesias: Miss Ourense, 2016)

“Chegou á aldea conducindo un flamante Torpedo Renault, oculto tras uns aparatosos anteollos, gardapó e guantes. Seguíanlle outros coches nos que viñan servidume de mucamos laboriosos e calados e unhas gaiolas con monos que deseguida aterreceron as xentiñas que se arremuiñaran a contemplar aquela insólita chegada.” (Paco Carro: Tempo ordinario (Historias de Compostela), 2014)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.