Atracción de recreo que consiste nunha construción con carrís que soben e baixan polos que pasan unha especie de coches a moita velocidade
Etimoloxía
Locución formada por “montaña” que nos chega do latín vulgar *montanea, derivado do latín mons, montis 'monte' e o adxectivo “ruso, -a” desde o francés russe, ‘ruso’.
Exemplos *
“A viaxe de oitavo era como unha gran saída ao estranxeiro. Unha semana enteira en Madrid. Para Mona fora a primeira vez que durmira nun hotel, que subira a unha montaña rusa e que vira un museo que non fose a Casa de Rosalía.” (Ana Cabaleiro: As Ramonas, 2018)
“Carreira pensou que o mesmo lle acontecería se deixasen montar o interno en "A nave dun millón de anos", unha enorme montaña rusa a vapor que instalaran o último inverno no parque de atraccións próximo ao río.” (Tomás González Ahola: Da fría e distante estrela polar, 2016)
* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.