montés, -esa

Do monte, que vive no monte ou que é propio das zonas de alta montaña / Propio de quen vive no monte ou nas zonas de alta montaña

Etimoloxía

Voz derivada sobre “monte” que, á súa vez, procede da latina mons, montis que significaba ‘monte’, ‘montaña’ ou ‘penedo’.

Exemplos *

“Contou once grupos que pasaron uns detrás dos outros, todos na mesma dirección: cara ó interior, fóra da beiramar, polo camiño montés da Portela. Cando veu o día xa había mais de dúas horas que pasaran as derradeiras partidas.” (Víctor Fernández Freixanes: O triángulo inscrito na circunferencia, 1982)

“Habitaban unha terra irta, montesa, fría, na que corría o corzo e se movían rabaños de pericas, coma nubes soltas. Terra fría non dá pan” (X. L. Méndez Ferrín: Arraianos, 1991)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.