moreira

Árbore da familia das moráceas, da que existen diversas especies, de follas grandes en forma de corazón, que dá como froito as amoras, brancas, vermellas ou negras

Etimoloxía

Palabra derivada sobre estoutra “mora” que vén do latín vulgar mora que remite ao clásico morum que xa designaba ao froito.

Exemplos *

“Erguéronse con poucas ganas. Fóra da sombra protectora das moreiras onde estiveran sentados a facer o seu pícnic particular, ía unha calor pegañenta, de moita humidade e pouco acougo posible.” (Xavier Queipo: Papaventos, 2001)

“El fixo campaña contra as cuadrillas de don Carlos, perseguiu gorretas por ladeiras agrestes, valgadas solitarias e torrentes bruadores. Rebrincou, co rebezo, polas xistras xeadas, aspirou o perfume da laranxeira e acolleuse, como o verme da seda, á sombra das moreiras.” (Bieito Iglesias: A historia escríbese de noite, 2001)

* As citas da Palabra do Día respectan as escollas ortográficas e morfolóxicas da edición referida. Os exemplos fan referencia só a unha das posibles acepcións da palabra documentada.